Skip to main content

Noticias

  • O 97% das zonas rexistradas no censo de augas de baño de Galicia conta cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2023 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentado hoxe no Consello da Xunta. O Goberno galego iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada. Na pasada tempada, e con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia, a Xunta fixo públicas as augas de baño que pasan a formar parte do novo Rexistro de Augas de Baño de Galicia, ben na sección I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño, na sección II (augas de baño en avaliación) ou na sección III (augas con prohibición permanente do baño).
  • O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
  • Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).
  • O turismo galego continúa consolidando a súa desestacionalización, como demostran os resultados feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que indican que no primeiro trimestre do ano, Galicia acadou máis de 822.000 viaxeiros aloxados e preto de 1,5 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico. Isto supón que o nivel de demanda rexistrado -medido polo número de noites- supera nun 12% a cifra do primeiro trimestre de 2023, e mellora as cifras prepandemia. Ademais, por vez primeira Galicia supera a barreira de 1,4 millóns de noites neste primeiro trimestre.
  • A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.
  • A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.
  • O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.
  • A Secretaría de Estado de Turismo vén de emitir a resolución pola que se concede a declaración de Interese Turístico Nacional á Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón. Con este recoñecemento, Galicia suma xa 10 festividades con este recoñecemento. A Festa da Filloa de Lestedo súmase así ás outras nove que xa contan con este recoñecemento: a Romaría de Nosa Señora da Barca (Muxía), as Carrilanas de Esteiro (Muros), as festas do San Froilán (Lugo), a Feira do Bonito (Burela), a Festa da Historia (Ribadavia), o Entroido de Verín. Tamén a Festa do Marisco do Grove, as Festas de San Roque (Vilagarcía de Arousa) e a Festa da Reconquista (Vigo).
  • O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu aprobar por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial. Así, tras o aprazamento estratéxico da candidatura decidido no ano 2021, o órgano de coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas valorou positivamente a proposta da Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco para esta zona das provincias de Lugo e Ourense á que se referiu como un exemplo de resistencia e calidade que serve de inspiración para todo o Estado. Trátase dunha decisión que supón retomar oficialmente a recta final do proceso da candidatura, coa previsión de que poida ser abordada na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.
  • O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonomico presentará no Consello do Patrimonio Histórico Español, que se celebrará na illa da Palma, a candidatura da Ribeira Sacra 'para que se converta en Patrimonio Mundial da Unesco'. A Ribeira Sacra abarca máis de 16.000 hectáreas de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense e está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2018. Para Rueda 'é un dos maiores tesouros patrimoniais de toda España' que destaca 'pola súa riqueza paisaxística, cultural e enogastronómica'. Por iso, asegurou que a Xunta agarda que 'obteña este recoñecemento internacional'.